Monday 29 de April de 2024

Neda impulsa a vindeira semana varias xornadas de portas abertas na escola infantil municipal Os Pelegríns


O Concello de Neda promove durante a próxima semana varias xornadas de portas abertas na Escola infantil municipal Os Pelegríns. A iniciativa, destinada a dar a coñecer este servizo de atención socioeducativa ás familias, chega en pleno proceso de inscrición de novo alumnado para o curso 2024-2025.
Tras a Semana Santa, os pais e nais con fillos e fillas, de idades comprendidas entre os tres meses e tres anos, terán a oportunidade de visitar a escola, o principal servizo co que conta o Concello para favorecer a conciliación de vida familiar e laboral, para coñecer as dependencias e descubrir o seu proxecto educativo.
O persoal do centro, situado xunto ao Paseo marítimo de Xubia, recibirá o martes 2 e o mércores 3 de abril, entre as 10.30 a 11.30 horas, e o xoves 4, de 16 a 17 horas, a todas as familias que se acheguen ás instalacións na procura de información.
Ata mediados do próximo mes está aberto o prazo para presentar no rexistro municipal (de forma presencial na Casa Consistorial ou na sede electrónica municipal) as solicitudes para beneficiarse deste servizo, que seguirá a ser totalmente gratuíto.
O centro, que funciona os 12 meses do ano cun horario que abarca de 8 a 16 horas, ofrece as posibilidades de xornada completa, media xornada e xornada reducida, segundo as necesidades das familias. A centro dispón de cociña e comedor propios, e manterá tamén a súa aposta pola alimentación saudable.
A programación de actividades de experimentación e xogos, baséase en doce temáticas, relacionadas co contexto cultural e próximo dos alumnos/ás e a época do ano, que se desenvolverán en cada unha das tres aulas existentes (cero a un anos; un a dous anos; e doas a tres anos) cunha temporalización aproximada dun mes.
O regulamento municipal dos Pelegríns establece como preferencia que os nenos/as estean empadroados durante o tempo de asistencia á escola. Con todo, poderán anotarse persoas doutros municipios se existen vacantes. Circunstancia que se vén producindo nos últimos cursos.